Billetes de Banco

Billetes de Banco

Dende 1940, a FNMT-RCM conta coa experiencia de cualificados profesionais que, unida á continua incorporación das tecnoloxías máis avanzadas en produción de billetes, permitiu dar resposta aos proxectos que historicamente lle foron encomendados polo Banco de España e o Banco Central Europeo, así como polos bancos centrais doutros países.

Calidade internacional

Polo nivel da súa tecnoloxía, a máis avanzada do sector, e a gran capacidade de fabricación instalada, a FNMT-RCM produce billetes para países de todo o mundo, por moi esixentes que sexan os seus requirimentos técnicos, e sempre coas máis altas cotas de calidade.

A seguridade que han de incorporar os billetes de banco está garantida tanto pola calidade da impresión e dos elementos de seguridade incluídos, como pola calidade do soporte, papel elaborado na Fábrica de Papel situada en Burgos e pertencente á FNMT-RCM.

Salienta, así mesmo, o labor de investigación e desenvolvemento tecnolóxico que permitiu incorporar os máis avanzados elementos de seguridade: marca de auga, impresión calcográfica, fío de seguridade, bandas ou parches holográficos, motivo de coincidencia, banda iridescente, tintas de efecto óptico variable, fibrilas invisibles luminescentes, ventás transparentes, etc.

Evolución constante

A FNMT-RCM caracterízase por ser unha entidade en constante evolución. Evolución nos seus procesos, na tecnoloxía e nos materiais.

Co obxecto de adaptarse ao marco legal de produción de billetes en euros, o 2 de novembro de 2015 quedou constituída a Imprenta de Billetes S. A. (IMBISA), sociedade dedicada á fabricación de billetes en euros e que está participada nun 80 % polo Banco de España e nun 20 % pola FNMT-RCM.