Atrás Biografía
Diego de Silva e Velázquez, pintor español e considerado a personalidade artística máis destacada do seu tempo, naceu en Sevilla en 1599. De nai sevillana e pai de orixe portuguesa, comezou a súa traxectoria moi novo e recibiu a maior influencia, non só pictórica senón ademais cultural e literaria, de mans de Francisco Pacheco, pintor de estilo manierista. Con só dezaoito anos convértese nun pintor independente tras examinarse no gremio de pintores da súa cidade natal.
Na súa primeira etapa, que transcorre desde 1618 ata 1623, Velázquez realiza algunhas obras relixiosas e escenas costumistas nas que desenvolve a técnica do claroscuro e onde aparece a grande influencia do naturalismo de Caravaggio. A capacidade de converter as escenas relixiosas en algo próximo e realista constitúe unha característica importante que lles legou a outros artistas do seu tempo.
En 1623 é nomeado pintor da corte. Comeza así unha carreira cortesá na cal recibiu varios títulos como axudante de cámara e cabaleiro da Orde de Santiago. Durante esta época realiza numerosos retratos da familia real nos cales consegue gran realismo e sobriedade co emprego da luz.
Durante as súas dúas viaxes a Italia, unha en 1629 e outra en 1648, Velázquez consegue transformar o seu estilo pictórico, que dota cunha nova luz e cores máis vivas e chega a conseguir a perspectiva aérea.
Na etapa final da súa pintura é cando alcanza o seu maior desenvolvemento e onde realiza as súas obras mestras. Morre en Madrid en agosto de 1660 tras unha longa enfermidade.