Atrás Cervantes
Don Quixote da Mancha foi escrita no século XVII por Miguel de Cervantes Saavedra, poeta, novelista e dramaturgo español, nacido en Alcalá de Henares alá polo ano 1547, e considerado como o máis grande escritor español de todos os tempos e un dos mellores escritores universais.
Autobiografía
No prólogo das Novelas Exemplares o propio Cervantes descríbese a si mesmo:
"Este que vedes aquí, de rostro aquilino, de cabelo castaño, fronte lisa e desembarazada, de alegres ollos e de nariz curvada, malia que ben proporcionada; as barbas de prata, que non hai vinte anos que foron de ouro, os bigotes grandes, a boca pequena, os dentes nin miúdos nin crecidos, porque non ten máis ca seis, e eses mal acondicionados e peor postos, porque no teñen correspondencia os uns cos outros; o corpo entre dous estremos, nin grande, nin pequeno, a cor viva, antes branca que morena; algo cargado de lombo, e non moi lixeiro de pés; este digo que é o rostro do autor de A Galatea e de Don Quixote da Mancha, e do que fixo a Viaxe ao Parnaso, a imitación da de César Caporal Perusino, e outras obras que andan por aí descarreiradas e, quizais, sen o nome do seu dono. Chámase comunmente Miguel de Cervantes Saavedra. Foi soldado moitos anos, e cinco e medio cativo, onde aprendeu a ter paciencia nas adversidades. Perdeu na batalla naval de Lepanto a man esquerda dun tiro de arcabuz, ferida que, aínda que parece fea, el ten por fermosa, por cobrala na máis memorable e alta ocasión que viron os pasados séculos, nin esperan ver os vindeiros, militando debaixo das vencedoras bandeiras do dillo do raio da guerra, Carlo Quinto, de felice memoria."
O autor de O Quixote
Logo de facer 50 anos, e sendo autor de varias obras de poesía, teatro e novela, publicou O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha, co que tivo un éxito inmediato, aínda que non lle resolveu as dificultades económicas que dominaron a maior parte da súa vida. Poucos anos despois editouse a copia escrita por Alonso Fernández de Avellaneda, o que motivou a Cervantes para completar a segunda parte de O Quixote, publicada en 1615 con frecuentes alusións ao "falso Quixote".
" ... entrou acaso o alcalde da vila no mesón cun escribán, ante o cal alcalde pediu don Quixote, por unha petición, de que lle conviña ao seu dereito que don Álvaro Tarfe, aquel cabaleiro que alí estaba presente, declarase ante a súa mercé como non coñecía a don Quixote da Mancha, que así mesmo estaba alí presente, e que non era aquel que andaba impreso nunha historia intitulada Segunda parte de don Quixote da Mancha, composta por un tal de Avellaneda, natural de Tordesillas."
Morreu o 23 de abril de 1616, día declarado pola UNESCO como Día Mundial do Libro.