Referente á historia

Símbolos do seu reinado. Legado da historia

Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón son, sen ningunha dúbida, dúas grandes personalidades na historia española e europea e a unión de ambos, exercendo o seu reinado nun plano de igualdade, constituíu un feito senlleiro na Europa do seu tempo.

A importancia de ambos os monarcas e os decisivos acontecementos que protagonizaron levaron a sucesores e gobernantes posteriores a volver a mirada cara ao seu reinado e a tomar como referencia o esplendor da súa época. Este feito tivo un reflexo significativo nas múltiples representacións que se realizaron dos reis, dos seus símbolos característicos e, en definitiva, do seu importante momento histórico nos diferentes documentos do Estado, desde os primeiros anos do pasado século, documentos que deseñou e realizou a Real Casa da Moeda, como ceca e imprenta nacional, continuadora da actividade dos talleres artesáns de anteriores séculos.

Os Reis Católicos adoptan certas divisas como símbolos que se mantiveron e aínda algunhas se atopan hoxe no noso escudo nacional. De Isabel é a aguia de san Xoán que sostén as armas do reino, ás que a soberana lles agregou o lema "sub umbra alarum tuarum protege nos" (protéxenos baixo a sombra das túas ás), que obedece á devoción da raíña polo evanxelista. Foron tamén emblemas da raíña o xugo e as once frechas abatidas, que simbolizan a unidade e o imperio.

De Fernando é o nó gordiano, alusivo ao que partiu coa súa espada Alexandre Magno. Represéntase en solitario ou ben cortado polo xugo isabelino e cuxa inicial "Y" fai referencia á raíña.

A divisa de don Xoán Carlos I conserva aínda os símbolos por antonomasia dos Reis Católicos: o xugo e as frechas co nó gordiano.