V Centenario Isabel I de Castela

Biografía

Isabel I de Castela, máis coñecida por Isabel a Católica, naceu na localidade de Madrigal de las Altas Torres (Ávila) o 22 de abril de 1451 no palacio do seu pai, Xoán II de Castela, casado con Isabel de Portugal.

Dibujo para el sorteo de lotería Nacional de 30-04-1983

Con moi poucas posibilidades de chegar ao trono de Castela no seu nacemento, a declaración de ilexitimidade da súa sobriña Xoana a Beltranexa converteuna en herdeira do seu medio irmán Enrique IV, aínda que tivo que vencer a guerra civil de 1475 a 1479 para ocupar o trono. O seu matrimonio con Fernando de Aragón permitiu restablecer a orde e a autoridade monárquica nas dúas Castelas, converténdose España nunha nación forte, dinámica e expansiva, na que tiveron lugar acontecementos tan importantes como a conquista de Granada e das illas maiores de Canarias, e o descubrimento de América en 1492.

Estes fitos históricos universalizaron a figura da raíña, que morreu en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Para conmemorar o V Centenario da súa morte, a FNMT-RCM procedeu á emisión, cuñaxe e posta en circulación dunha colección de moedas en calidade proof, así como unha moeda de 12 euros, conmemorativa de tan importante evento.

Se queres ampliar información, podes facelo a través das seguintes ligazóns:

Reinado dos Reis Católicos

Doble excelente de oro. Sevilla Pragmática de 1497

O seu reinado estendeuse entre 1474 e 1504 e supón o comezo dun período de grande auxe e prosperidade, que situaría a España á cabeza de Europa durante algo máis dun século.

Pola vontade dos monarcas Católicos, España protagonizou feitos tan relevantes que marcarían o rumbo da súa historia, como a unificación dos distintos reinos baixo a súa coroa, a integración definitiva de Canarias na coroa castelá, a anexión do reino nazarí de Granada, ou a chegada de Cristóbal Colón ao novo continente.

Sistema monetario durante o reinado dos Reis Católicos

Blanca de vellón de los Reyes Católicos. Burgos. Posterior a 1479

O sistema monetario baseábase no ouro, a prata e as aliaxes de prata e cobre. A diversidade monetaria existente nos distintos reinos de España á chegada dos Reis Católicos estaba influenciada por dúas áreas diferentes: a musulmá e a europea. Os reinos que integraban a Coroa de Aragón emitían cada un a súa propia moeda. Isabel e Fernando tenderon durante o seu reinado a unificar os tipos monetarios, especialmente en Castela.

Medio real plata de los Reyes Católicos. Sevilla. Pragmática de 1497

A primeira normativa para Castela é do 26 de xuño de 1475 e establecía o castelán como unidade do ouro, cos bustos afrontados dos monarcas. Establece, así mesmo, o dobre castelán —peza que se denominou excelente pola pureza do seu metal— e nel aparecen os soberanos e a aguia de san Xoán acubillando o escudo, no reverso. Para a prata establecíase o real e os seus divisores: medio e cuarto de real. Nunha aliaxe de prata e cobre, cuñan a branca, cuxos tipos representaban as siglas dos reis.

A Pragmática de Medina del Campo, ditada en 1497, establecerá as normas de cuñaxe para a nova peza de ouro: o excelente da granada, baseado no ducado veneciano, moeda aceptada en Europa e xa implantada en Valencia e Aragón desde 1483. Esta moeda tiña múltiplos de 2, 4, 10 e 20, e un divisor, o medio excelente. Esta disposición pretendía unificar o sistema monetario e regulaba ademais o funcionamento das casas de moeda e moedeiros. Introducen, así mesmo, un novo valor en prata, o oitavo de real.

Nunha Real cédula de 1503, Isabel ordena que se cuñe na Casa de Moeda de Sevilla "o ouro que chegue da Illa Española e das outras illas e terra firme do mar Océano"; a dita ceca labrará tamén moeda de prata e de cobre.

Referente á historia

Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón son, sen ningunha dúbida, dúas grandes personalidades na historia española e europea e a unión de ambos, exercendo o seu reinado nun plano de igualdade, constituíu un feito senlleiro na Europa do seu tempo.

A importancia de ambos os monarcas e os decisivos acontecementos que protagonizaron levaron a sucesores e gobernantes posteriores a volver a mirada cara ao seu reinado e a tomar como referencia o esplendor da súa época. Este feito tivo un reflexo significativo nas múltiples representacións que se realizaron dos reis, dos seus símbolos característicos e, en definitiva, do seu importante momento histórico nos diferentes documentos do Estado, desde os primeiros anos do pasado século, documentos que deseñou e realizou a Real Casa da Moeda, como ceca e imprenta nacional, continuadora da actividade dos talleres artesáns de anteriores séculos.

Símbolos do seu reinado. Legado da historia

Os Reis Católicos adoptan certas divisas como símbolos que se mantiveron e aínda algunhas se atopan hoxe no noso escudo nacional. De Isabel é a aguia de san Xoán que sostén as armas do reino, ás que a soberana lles agregou o lema "sub umbra alarum tuarum protege nos" (protéxenos baixo a sombra das túas ás), que obedece á devoción da raíña polo evanxelista. Foron tamén emblemas da raíña o xugo e as once frechas abatidas, que simbolizan a unidade e o imperio.

De Fernando é o nó gordiano, alusivo ao que partiu coa súa espada Alexandre Magno. Represéntase en solitario ou ben cortado polo xugo isabelino e cuxa inicial "Y" fai referencia á raíña.

A divisa de don Xoán Carlos I conserva aínda os símbolos por antonomasia dos Reis Católicos: o xugo e as frechas co nó gordiano.