Medallas

Medallas

Medallas
 

A medallística é un medio de expresión artístico dunha longa tradición na FNMT-RCM. Ten un recoñecido prestixio debido á calidade dos seus gravadores, que poñen toda a súa experiencia e ilusión en crear pequenas obras de arte.

 

O diámetro das medallas e o grosor do disco permiten obter imaxes con maior volume ca o das moedas. As nosas medallas de bronce e de cobre están producidas a partir de deseños realizados ao longo dos anos polos nosos expertos e recoñecidos gravadores. A súa calidade e beleza conseguen, ano tras ano, que sexan cada vez máis os coleccionistas interesados na medallística.

 

Na tenda do museo poderá adquirir estas medallas individualmente ou en series, ou se o prefire pode acceder ao noso catálogo de venda en liña, que inclúe diferentes temáticas como "Oficios", "Flora e fauna", "Personaxes ilustres", "Touros", "Ríos" ou "Cidades".

 

Por outra banda, a FNMT-RCM pon a súa creatividade e tecnoloxía á disposición de empresas e organismos, para a realización de cuñaxes de medallas á medida con carácter conmemorativo, de agasallo ou para a súa comercialización.

 

Premio Tomás Francisco Prieto

Dentro deste mesmo capítulo destacamos a nosa emisión anual das medallas de autores galardoados co Premio Tomás Francisco Prieto.

 
Premio Tomás Francisco Prieto

Evocando a figura de quen foi gravador xeral das casas de moeda do rei Carlos III, a Real Casa da Moeda pode poñer ao alcance do público, amante do obxecto belo e exclusivo, as medallas que para nós realizaron algúns dos mellores artistas plásticos dos séculos XX e XXI, elenco sen igual de nomes do noso panorama artístico contemporáneo que en por si xustifica a existencia do Premio Tomás Francisco Prieto.

 

Con este galardón, a Real Casa da Moeda pretende que, a través da súa concesión a grandes artistas españois e iberoamericanos, previamente vinculados ou non coa medalla, a medallística española se prestixie, difunda e teña continuidade, á vez que se atrae ao mundo da medalla a outros autores plásticos e se fomenta entre o público a afección por ela e o seu coleccionismo.

 

O elenco de artistas galardoados co Premio Tomás Francisco Prieto foi: Eduardo Chillida (1990), Antoni Tapies (1991), Antonio López García (1992), Eduardo Arroyo (1993), Pablo Palazuelo (1994), Andreu Alfaro (1995), Antonio Saura (1996), José Luis Cuevas (1997), Luis Gordillo (1998), Carmen Laffón (1999), Roberto Matta (2000), Juan Barjola (2001), Rafael Canogar (2002), Antoni Clavé (2003), Martín Chirino (2004), Luis Feito (2005), Albert Rafols Casamada (2006), Pepe Hernández (2007), Guillermo Pérez-Villalta (2008), Eva Lootz (2009), Alfredo Alcaín (2010), Susana Solano (2011), Juan Navarro Baldeweg (2012), Cristina Iglesias (2013), Jaume Plensa (2014) e José María Sicilia (2015).

 

A concesión do premio supón o deseño, por parte do artista galardoado, dunha medalla de tema libre, que logo é realizada pola FNMT-RCM. Unha vez cuñada, cunha tirada limitada a 225 unidades de cobre, 40 unidades de prata, e só dúas en ouro, a medalla é presentada e ofrecida á SM a Raíña o día da entrega do Premio Tomás Francisco Prieto ao seguinte galardoado. Tras a devandita cerimonia, que ten lugar no Auditorio do Museo Casa da Moeda, procédese a inaugurar unha exposición coa obra gráfica do artista premiado na edición anterior.