Smart Grids

Unha rede intelixente é un sistema de rede eléctrica evolucionada, capaz de xestionar a demanda de electricidade dunha maneira sustentable, fiable e económica. As redes intelixentes parten do uso dunha infraestrutura avanzada, enfocada a facilitar a integración de todos os actores involucrados.

Para satisfacer a crecente demanda de enerxía e a necesidade de reducir as emisións de dióxido de carbono, necesitamos un sistema eléctrico que poida manexar estes desafíos de maneira sustentable, fiable e económica.

As redes intelixentes posúen a capacidade de resposta á demanda en tempo real, para axudar a equilibrar o consumo eléctrico coa oferta, así como o potencial de integrar as novas tecnoloxías que lles permitan aos dispositivos o almacenamento de enerxía e o uso a grande escala dos vehículos eléctricos.

Na actualidade, as redes eléctricas están a evolucionar, co obxectivo de mellorar a fiabilidade e a redución de perdas eléctricas, gastos de capital e custos de mantemento. Unha rede eléctrica máis intelixente proporcionará un maior control sobre os custos de enerxía e unha subministración de enerxía máis fiable para os consumidores. Os beneficios ambientais dunha rede eléctrica máis intelixente inclúen a redución dos picos de demanda, a integración de fontes de enerxía máis renovables e a redución das emisións de CO2 e outros contaminantes.

Unha aplicación próxima á cidadanía son os contadores intelixentes —smart meters—, que son capaces de recoller exactamente os datos do consumo de cada vivenda por horas e envialos automaticamente ao operador, sen necesidade de que vaia ningún técnico aos domicilios para realizar a lectura. Deste xeito a facturación é máis precisa.

Outras vantaxes son:

  • Redúcense os tempos de corte de subministración por avarías, xa que é máis fácil identificar o problema.
  • As modificacións de potencia contratada pódense facer de forma remota, sen necesidade da visita dun técnico.
  • Non hai lecturas estimadas. Todas son reais.
  • Total transparencia. Estes contadores están monitorizados e non poden ser manipulados.